Actualidade

27 Dec

A Xunta e a RAG, traballando xuntas a prol do galego

O responsable do Goberno galego mantivo esta tarde unha reunión ordinaria coa Executiva da Real Academia Galega
mércores, 27 Decembro, 2017

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, avaliaron hoxe as liñas de colaboración postas en marcha entre a Administración autonómica e a Academia para seguir traballando a prol da lingua e da súa difusión.

Así, durante unha reunión ordinaria coa executiva da RAG, ambos os dous coincidiron na necesidade de seguir fomentando o galego na xuventude e de promovelo nos medios de comunicación e nas empresas, unhas liñas acordes coas desenvolvidas pola Xunta nos últimos anos.

En relación con outros proxectos, Feijóo repasou tamén co presidente da Real Academia Galega as actuacións que, ao abeiro da Memoria Dixital, está a levar a cabo o Goberno galego, vinculadas á recolección e á xeorreferenciación da toponimia, como o proxecto transfronteirizo Geoarpad, que permitirá xeolocalizar o patrimonio material e inmaterial de Galicia e do Norte de Portugal.

Sobre o servizo de terminoloxía do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Termigal, que ten como fin recoller e someter a estudo problemas e propostas denominativas sobre termos, e no que colaboran a Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Real Academia Galega, ambos os dous valoraron a utilidade de que conte, en breve, cunha páxina web propia desde a que se poderá acceder libremente aos recursos dispoñibles.

Por outra banda, e co obxectivo de que a lingua e a literatura galegas teñan presenza en moitas universidades non só de Europa, senón tamén de América, Asia e Australia, Feijóo e Freixanes destacaron o obxectivo de seguir impulsando os cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galicia. Uns cursos dirixidos a alumnado e profesorado universitario e que constitúen un factor moi importante de prestixio para a lingua galega e, por tanto, un elemento de normalización moi relevante.

Outro dos asuntos que se trataron foi o das obras de reforma que se iniciarán proximamente na sede da Real Academia Galega, na rúa Tabernas da Coruña, para as cales o Goberno central, a través do Ministerio de Fomento, achegará 1,5 millóns de euros.