Actualidade

14 Mai

A Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares da USC participa nun macroproxecto de investigación centrado no patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e liderado pola Amtega

luns, 14 Maio, 2018

Investigadores da Rede están a desenvolver un proxecto piloto (Piloto 1 Lírica), en colaboración coa Universidade de Porto, que afonda na historia, na arte e na literatura medievais.

O obxectivo é deseñar e elaborar diversos produtos de carácter fundamentalmente divulgativo e de orientación turística, servíndose das máis avanzadas tecnoloxías da información.
 
Lírica, o Piloto 1 do macroproxecto de investigación multidisciplinar Geoarpad - Patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: valoración e innovación, abrangue o estudo da Historia, da Arte e da Literatura medievais co propósito de deseñar e elaborar produtos turísticos dixitais que permitan a participación activa dos seus usuarios.
 
Concretamente, o proxecto analizará unha serie de relacións que se constatan entre determinadas abadías cistercienses do sur de Galicia e o norte de Portugal, as familias nobres alí implantadas e a implicación destas na creación e promoción dos textos líricos galego-portugueses.

A iniciativa pretende poñer en valor o patrimonio material e inmaterial dunha zona da Península Ibérica inmerecidamente deprimida, que non só ofrece unha riqueza patrimonial senlleira senón que constitúe o berce dunha tradición literaria que guiou o canon da poesía lírica no centro e occidente ibéricos entre os séculos XII e XIV.
 
Os resultados obtidos no proceso de investigación divulgaranse mediante unha serie de materiais interactivos, audiovisuais e impresos creados para que os visitantes gocen e experimenten a Idade Media.