Actualidade

17 Out

A Rede de Dinamización acolle a segunda edición de Toponimízate

O secretario xeral de Política Lingüística e o presidente da RAG presentaron en rolda de prensa a segunda edición
mércores, 17 Outubro, 2018

Este programa enmárcase nos proxectos Toponimia de Galicia e Geoarpad e ten o obxectivo de poñer en valor a microtoponimia.

A segunda edición de "Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra" botará a andar o mércores 24 de outubro en 15 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). A iniciativa, posta en marcha o ano pasado con grande éxito de acollida e participación, ofrece outros tantos encontros en aberto dirixidos á cidadanía en xeral, nos que persoal técnico especialista en toponimia porá en valor a microtoponimia co obxectivo de concienciar sobre a importancia e a necesidade da xeorreferenciación e xeolocalización deste patrimonio inmaterial.

A acción enmárcase nos proxectos Toponimia de Galicia e Geoarpad, impulsados ambos os dous desde a Xunta de Galicia, e coordinarase por primeira vez desde a Real Academia Galega (RAG) en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Así o explicou na conferencia de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen recordou que “a toponimia e a microtoponimia forman parte do patrimonio inmaterial dos e das galegas, unha grande riqueza e obra colectiva que non podemos deixar esmorecer”. “A súa recuperación e fixación é un compromiso do Goberno galego en estreita colaboración coa RAG, no marco do proxecto Toponimia de Galicia”, concluíu.

Acompañárono na presentación Víctor F. Freixanes, presidente da RAG; Vicente Feijoo, responsable de Toponimia no Seminario de Onomástica desta institución e das charlas; e María Luísa Pena Babío, en representación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia.

A toponimia como base
A RAG e a Secretaría Xeral de Política Lingüística botan a andar a segunda edición deste programa de promoción da lingua galega para concellos pertencentes á RDL, que toma como base a toponimia de Galicia, disciplina que estuda os topónimos ou nomes propios de lugar e que constitúe un aspecto fundamental do noso patrimonio, ademais de ligar a lingua propia coa nosa xeografía, historia ou arqueoloxía. A acción volve enmarcarse nos proxectos Toponimia de Galicia e Geoarpad, coordinados ambos os dous desde a Consellería de Vicepresidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coa colaboración da Amtega e da Consellería de Cultura e Turismo.

Na primeira edición foron quince os concellos que acolleron os encontros (A Coruña, Arteixo, Boqueixón, Lousame, Melide, Miño, Vedra, Palas de Rei, Sober, O Carballiño, Ourense, Cangas, O Grove, Silleda e Viveiro); nesta segunda, serán recibirán as conferencias do filólogo Vicente Feijoo, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, estoutros municipios: Arzúa, Brión, Cariño, Muros, Castro de Rei, Cospeito, Foz, O Páramo, Celanova, Parada de Sil, Xinzo de Limia, A Lama, Moaña e Ribadumia.

Nas charlas falarase de toponimia galega (os motivos da abundancia de nomes de lugar no país, a toponimia galega como patrimonio inmaterial...) e tamén da propia de cada concello (significado dos nomes das parroquias e das aldeas; como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de topónimos; utilidades desta ferramenta...).

Toda a información e o calendario de sesións iranse actualizando no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.