Actualidade

02 Xul

Presentado o mapa de límites administrativos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal nun seminario de BETA+

luns, 2 Xullo, 2018

Foi elaborado no marco de Geoarpad para a xeorreferenciación dos bens patrimoniais galegos e portugueses.

O 15 de xuño tivo lugar na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela o seminario “Xestión innovadora dos recursos patrimoniais e culturais”. O evento foi organizado pola agrupación estratéxica Bioeconomía, Emprendemento e Territorio (BETA+), á que pertence o grupo ANTE e que reúne 20 grupos de ciencias sociais da USC.

No seminario foi presentado o mapa da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal elaborado para a xeorreferenciación dos bens patrimoniais galegos e portugueses no marco do proxecto Geoarpad. O mapa de límites administrativos da Eurorrexión a nivel municipal e parroquial e de freguesías é un resultado de gran relevancia, xa que non existía un mapa harmonizado, dende o punto de vista da xeometría, con límites administrativos a nivel municipal e parroquial coincidentes. Este mapa constitúe a referencia para a elaboración da cartografía base do sistema de información patrimonial que se está a desenvolver polo proxecto Geoarpad.

Neste encontro tamén se presentaron as actividades que está a levar a cabo o Grupo ANTE no proxecto piloto 2 “Camiño de Santiago na área transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal”.