Actualidade

22 Mai

Os debates antropolóxicos sobre o turismo, protagonistas dun libro froito de Geoarpad

martes, 22 Maio, 2018

Os profesores e investigadores Xerardo Pereiro e Filipa Fernandes publican Antropologia e Turismo: teorias, métodos e praxis.

Concibido como un manual universitario, na primeira parte presenta unha breve introdución á antropoloxía e na segunda profunda na relación entre a antropoloxía e o turismo, abordando cunha visión crítica cuestións clave como a invención sociocultural e sociohistórica do turismo; o turismo como intercambio sociocultural; os sentidos e os significados das experiencias turísticas; as relacións entre turismo, cultura e patrimonios culturais; o turismo como produtor de imaxes e mundos imaxinarios; o turismo como un campo de relacións de poder; os efectos do turismo sobre os/as receptores/as, os/as visitantes e outros/as axentes do sistema turístico; o turismo responsable e a moralización do turismo; e, finalmente, o papel da antropoloxía do turismo en Portugal.

Trátase do volume número 20 da colección Pasos. Revista de Turismo y Patrimonio Cultural, editada polo Instituto Universitario de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de La Laguna e polo Instituto Superior da Maia.

O libro é resultado do traballo realizado no subproxecto CPIS “Caminho Português Interior de Santiago de Compostela”, unha das iniciativas piloto de Geoarpad no ámbito da valorización e a innovación do patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Publicación on line