Actualidade

02 Xul

Membros do Grupo ANTE da USC gañan o premio Valeria Morabito: ICT and Cultural Heritage

luns, 2 Xullo, 2018

A investigación galardoada foi publicada no libro New Metropolitan Perspectives.

O traballo presentado polas investigadoras do grupo de Análise Territorial (ANTE) da Universidade de Santiago de Compostela Lucrezia Lopez, María de los Ángeles Piñeiro Antelo e Inês Gusman no terceiro simposio internacional New Metropolitan Perspectives gañou o premio Valeria Morabito: ICT and Cultural Heritage. Neste encontro, celebrado en Reggio Calabria (Italia) entre o 22 e o 25 de maio, o coordinador de ANTE, Rubén Lois, e mais Lucrezia López coordinaron a sesión “Heritage and ICT” sobre o papel das novas tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) na mellora da xestión patrimonial.

O traballo premiado, titulado "The Portuguese Coastal Way and Maritime Heritage. An Outstanding Debt with the New Technologies", mostra parte dos resultados obtidos polos membros de ANTE que participan no proxecto Geoarpad. Concretamente, recolle o traballo desenvolvido no marco do proxecto piloto 2 “Camiño de Santiago na área transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal”, que explora o uso das TIC no incremento da visibilidade do patrimonio marítimo como produto complementario do Camiño de Santiago. Con este obxectivo, as investigadoras premiadas levaron a cabo un estudo de caso en dúas etapas da Variante Espiritual do Camiño Portugués da Costa.

A investigación foi publicada pola editorial Springer no libro New Metropolitan Perspectives. Local Knowledge and Innovation Dynamics Towards Territory Attractiveness Through the Implementation of Horizon/E2020/Agenda2030, incluído na serie "Smart Innovation, Systems and Technologies" e editado por Francesco Calabrò, Lucia Della Spina e Carmelina Bevilacqua.