Actualidade

03 Xuñ

À maneira do artesão: exposición no ámbito do programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional

Imaxe da xornada
luns, 3 Xuño, 2019

Entre o 7 e 14 de maio tivo lugar na Biblioteca da Escola Básica e Secundária de Rebordosa (Porto) a exposición À maneira do artesão, integrada no programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, desenvolvido polo ILG en colaboración co Centro de Linguística da Universidade do Porto. O alumnado do 10º ano do Curso Profissional de Técnico de Turismo rexistrou ao longo do curso o léxico relacionado co traballo manual da madeira, o que lles permitiu coñecer unha arte tradicional de grande importancia no patrimonio de Rebordosa. A posta en valor do patrimonio e a súa relación co turismo foi tamén unha dimensión traballada no proxecto. Durante a realización das entrevistas, as rapazas e rapaces tiveron a oportunidade de coñecer diversas ferramentas usadas no traballo da madeira e decidiron dalas a coñecer nunha mostra. O día da inauguración, á que acudiu unha parte das e dos informantes, o alumnado explicou o seu traballo, exerceu de guía da mostra e distribuíu unha actividade lúdica entre as persoas asistentes. 
 
O programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional é unha acción do plan Proxecta, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, e intégrase no proxecto GEOARPAD, enmarcado no programa operativo EP-INTERREG V A España-Portugal (POCTEP). En concreto, a acción enmárcase no proxecto Piloto 4 O patrimonio léxico de Gallaecia. A súa finalidade é promover a documentación e análise dun corpus de material léxico vinculado con actividades da cultura patrimonial.