Actualidade

10 Xul

A Casa da Cultura de Melide será escenario dun coloquio e unha mostra sobre o Camiño Portugués Interior de Santiago

martes, 10 Xullo, 2018

Esta iniciativa encádrase no proxecto piloto 2 "Camiño de Santiago na área transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal".

O venres 27 de xullo pola tarde terá lugar en Melide (A Coruña) unha mesa redonda para charlar sobre o Camiño Portugués Interior de Santiago de Compostela (CPIS) e para intercambiar experiencias sobre os Camiños de Santiago en xeral. Estará moderada por Santiago Prado, profesor do Cetrad, e participarán Dalia García Couso, alcaldesa do concello melidense; Nava Castro, directora xeral de Turismo da Xunta de Galicia; Ana Rita Dias, vicepresidenta do municipio portugués de Vila Pouca de Aguiar e fundadora da Federación Europea dos Camiños de Santiago; Alberto Baptista, vicerreitor da UTAD para os proxectos estruturadores, e Xerardo Pereiro, profesor do Cetrad.

Ao remate do coloquio, previsto ás 18.30 h, inaugurarase no mesmo sitio unha mostra sobre o CPIS.